6 de decembro de 2012

TAN TAN

 
TAN TAN
- Quen é?
- O Outono outra vez.

Coa chegada do Outono énchense os nosos pasillos de follas e as clases de olores e sabores mesturados coa maxia de quen nos sorprende con cestas cheas de froitos da época:
"O Duende do Outono".

A primeira visita do ano sempre é un acontecemento. Os nenos/as de 4 anos, 5 anos, e 1º de primaria, xa o coñecen de cursos anteriores (algúns levaban semanas preguntando se este Outono viría de visita o noso amigo!) e a súa emoción desbórdase o primeiro día que o Duende saca tempo e forzas para saír do bosque e vir ao noso cole. No caso dos nenos/as de 3 anos foi unha experiencia nova e a pesar de que a profe xa nos falara de que ao mellor nestes días de vento e frío recibíamos a súa visita e de que non tíñamos que ter medo ningún, impresionarnos un pouco ao atoparnos con algo tan diferente foi inevitable. A chegada do Duende foi recibida (como pasa cada curso) de xeitos moi diversos: a cautela, os nervios, a ilusión e sobre todo a imaxinación desatada e a curiosidade invadían o ambiente.  
  
Esta experiencia é, cada vez que a realizamos, un agasallo para a nosa creatividade e para os nosos sentidos:
Despois da primeira visita calquera ruído nos pon en garda e corremos cara a porta a ver se o noso amigo anda preto... Escoitamos con antención para ver se percibimos o son da súa característica campá, os seus apresurados pasos polos pasillos ou os seus fortes golpes nas portas. Unha vez asomamos ao corredor miramos a un lado e a outro e analizamos o cambio que alí se producíu: follas secas seguindo o camiño que percorreu o Duende, cestas con froitos e notas nas portas das clases, nenos e nenas invadindo os pasillos berrando e sorrindo coas cabeciñas funcionando a mil por hora! Malia que o noso amigo é moi tímido e escapa sempre veloz coma o vento antes de que abramos a porta, sempre hai alguén que afirma que o viu e nos explica con todo detalle como era e por onde marchou!
Se xa isto é enriquecedor non falamos da festa de cores, arrecendos, texturas e sabores que se produce na aulas cando lemos as notas e empezamos a experimentar cos froitos.



O primeiro día a mensaxe do Duende foi:
 "Uvas verdes e mandarinas 
teñen moitas vitaminas".









O segundo día:
"Hoxe con noces, améndoas e abelás,
 ti te asombrarás".







O terceiro:
"Traio caqui e piña 
para as vosas barriguiñas".







O cuarto día tróuxonos tamén un cereal:

 "Quen toma millo e granada 
non enferma de nada. 
E se o millo queres cociñar
 faino ao forno ou faino estoupar".




E para despedirse, quen sabe se ata o vindeiro ano, deixounos unha sorpresa moi doce. Varias formas orixinais e divertidas de aproveitar os froitos secos que aínda nos quedaban nas clases, despois de tanta froita un pouco de chocolate está permitido! :)

BOMBÓNS PARA 3 ANOS


TURRÓN NA CLASE DE 4 ANOS


CHOCOLATINAS EN 5 ANOS

2 de decembro de 2012

OUTONO BONITO

Outono bonito,
mazás no faiado, 
uviñas maduras
e viño gardado.
Outono bonito,
folliñas no chan,
castañas asadas,
que boas están!


O venres 16 de Novembro celebramos o Magosto e comprobamos o certo que é o final desta bonita poesía. Pero antes de poñernos as botas coas castañas asadas pasámolo pipa practicando xogos populares, xogos aos que xogaban os nosos pais, nais, avós e avoíñas cando eran pequenos!

A RA


OS BIRLOS


CHAPA-CASTAÑA


CASTAÑA-CULLER


ZANCOS



E por fin chegou a tan esperada degustación de castañas asadas! un verdadeiro manxar!



Pero a festa non rematou coa comilona! Durante eses días os nenos/as tamén foron traendo ao centro preciosas composicións con froitos e elementos de Outono que realizaron na casa coa familia (grazas a todos os participantes!) e ao final da mañá fíxose a entrega de premios, houbo dous premiados por aula e ademais un detalliño para todos os participantes. Noraboa familias!

18 de novembro de 2012

O SAMAÍN: VOLTANDO ÁS ORIXES

 Na noite do 31 de outubro comezaba o aninovo celta, celebrábase o final da tempada de colleita así como o remate do verán e o comezo do inverno.
Os druidas recollían nesa noite as baias do acivro dos troncos de aciñeiras e carballos cunha fouce de ouro para empregar despois nas súas elaboracións "máxicas e curativas" para o poboado. 
Esa noite estaba relacionada, tamén, co mundo dos mortos. Os celtas crían que se abría unha "porta" e o mundo dos vivos e o dos defuntos quedaban comunicados, polo menos unhas horas. Durante esa noite as ánimas dos finados volvían visitar ás súas familias e as súas vellas casas para quentarse cos seus ao carón do lume, por iso en todo o pobo había fogueiras.  
Outra tradición celta da noite do 31 de outubro era amontoar caveiras dos mortos e inimigos e pintalas. Esta costume repercutiu na nosa cultura, xa que nas encrucilladas dos camiños se facían amontoamentos de pedras (milladoiros) e adoitábase depositar unha pedra e pedir un desexo, o feito de deixar aí a pedra é signo de boa fortuna para a viaxe.

Todo isto o lembramos no cole os días anteriores á festa do Samaín para coñecer un pouco mellor aos poboadores antigos das nosas aldeas, as súas vivendas, os seus símbolos, as súas costumes, o seu aspecto, a súa música, as súas crenzas...


A entrada do cole converteuse nun castro e albergou unha preciosa exposición de cabazas celtas do máis variadas, moitas grazas polo voso traballo e orixinalidade!:



Pensamos e debuxamos tamén os nosos desexos e propostas para o novo ano celta que ía comezar, estes foron do máis diversos: dende ter máis irmanciños, pasando pola paz no mundo, ata ter un reloxo de Ben 10 con pilas!


  Por fin, o día 31, xa non só lembramos os tempos pasados senón que os vivimos! visitounos un celta dos de verdade! "LERANCOS, O Emisario do Máis alá" veu polas clases a anunciarnos que: "tiñamos á nosa disposición, un cruceiro e un buzón, que podiamos atopar, na entrada do recinto escolar".  Así que nos puxemos na pel dos nosos antepasados e engalanámonos cos nosos atavíos máis celtas, preparados para a festa! 
 
Antes da cerimonia, metemos os nosos desexos para o novo ano no buzón que se atopaba no "cruce de pasillos". 

Foi tan grande a maxia neste día que o buzón cobrou vida! movíase, collíanos as mans e ata camiñaba! 

Unha vez estivemos todos reunidos para a celebración, o buzón botou algúns dos desexos fóra para que foran lidos polos Mensaxeiros Celtas e fíxose tamén a entrega de varios premios "Cabaza de ouro" e "Cabaza de prata" aos gañadores do concurso de decoración de cabazas.


Finalmente, danzamos ao son da canción "Fogo Nicolás" todos os nenos e nenas do cole xuntos, festexando cunha coreografía celta o comezo do novo ano.



Outra vez máis agradecémosvos a vosa colaboración, sen ela estas actividades non serían o mesmo... e facemos un agradecemento especial a Pedro! pois nunca víramos un celta tan "de verdade"!!