17 de maio de 2012

AS LETRAS GALEGAS!

Fai uns días atopamos nun blog doutras profes este bonito poema e pareceunos unha idea marabillosa para tratar na aula cos pequenos/as con motivo da proximidade do 17 de maio. Aínda que tivemos que facer un esforzo para axudarlles comprender a linguaxe metafórica foi moi interesante explicarlles que houbo momentos difíciles para o galego, que non sempre foi aceptado e que non sempre houbo liberdade para falalo, pero aínda foi mellor ver como eles se sorprendían con esta información, como ían reaccionando, como se interesaron por buscar palabras en galego e por falar esta doce lingua... unha lingua que forma parte de nós, da nosa cultura, da nosa historia...

A LINGUA

Chegou unha nena labrega
coa boca cargada de mel
á porta pechada da escola
e non llo quixeron coller.
Dicía:
laranxa,
paxel,
pelouro,
árbore,
tixola,
trepia,
perixel.
Volveu a meniña prá casa
coa boca amarguexa de fel.
¡Coitado o meniño galego,
Se o mestre non fala como el! 
 
                   Helena Villar e Xesús Rábade
 
Aquí temos o vídeo de todo o que traballamos para celebrar a nosa lingua. Que todos os días sexan 17 de Maio.
 
 
 
Feliz Día das Letras Galegas! 

13 de maio de 2012

DÍAS PARA QUERER

O 19 de Marzo e o 6 de Maio foron deses días nos que aproveitamos para lembrarlles ás persoas que máis nos coidan o moito que nós tamén as queremos a elas. Aínda que nos queiramos moito todos os días, nestas datas sinaladas facémolo dun xeito todavía máis especial agradecendo todo o cariño recibido cun pequeno detalle feito co máis sincero dos amores!

Aos pais, tíos ou avós... regalámoslles uns portafotos de plastilina con foto incluída:



As nais, tías ou avoas... foron agasalladas cuns fabulosos pendentes primaverais con forma de flor feitos de circuliños de papel de seda:



Agardamos que vos gustaran os detalliños feitos co máis grande amor de fillos, fillas, sobriños, sobriñas, netas, netos... e que cada vez que os vexades vos lembredes de canto cariño gardan eses corpiños tan pequenos. Unha aperta!

1 de maio de 2012

Xa se puxo o último Sol de Abril...

"Levántate maio 
que tanto dormiches, 
xa pasou o inverno 
e non o sentiches." 

A 1 de Maio (Día do Traballador) estamos a dous mesiños de rematar o curso, non sabemos a vós pero a nós estásenos a pasar o tempo voando! Canto medraron os nosos pequenos/as nestes meses, e aínda así lembramos Setembro coma se fose onte...

Sen caer na nostalxia hoxe é un día de lembranzas, de tradición e de moita maxia... Contan os avós e avoas que o 30 de Abril, antes de que se poña o Sol, hai que coller uns ramiños de xesta (uns maios) e poñelos nas portas das casas, nas fiestras, nos barcos, nos carros (agora máis ben nos coches) e en todo aquilo que queiramos alonxar de calquera mal. 
Xa que estamos, non imos deixar o blog sen protexer, non vaia ser o Demo...


Esta tradición vén de moi antigo e probablemente un dos motivos polos que se conserva con tanta forza sexa a alegría que aporta a este Primeiro de Maio a preciosa cor amarela da flor da xesta.

Esta planta meiga, que tan amena fai a paisaxe, non só nos axuda a espantar as meigas e os males de ollo senón que tamén se emprega para buscar amores e, máis aló da maxia, é beneficiosa para as persoas, o gando e o medio natural.

 

Pouco máis se lle pode pedir a esta especie á que, por abundante e cotiá, non lle prestamos moita atención, a pesares de que pola súa beleza sexa digna dos xardíns máis elegantes. 



 De calquera xeito, aínda que gustemos moito de celebrar a chegada de Maio e do bo tempo, non esquezamos que aínda que comeza a facer algo de calor non está a cousa para gardar a roupa de abrigo, posto que aínda refresca. Así que... deixade as chaquetas quentiñas á man pois como ben nos lembra o refraneiro popular...

"Ata o 40 de maio, non quites o saio" ou
"En maio aínda a vella queima o tallo" coas súas variantes: 
"En maio aínda a vella queima o tallo, e un chisquiño que lle quedou, ata o San Xoán o queimou" e
"En maio aínda a vella queima o saio, e se se achega ben, quéimalle as pernas tamén"

Que teñades un ledo mes de Maio :)