18 de novembro de 2012

O SAMAÍN: VOLTANDO ÁS ORIXES

 Na noite do 31 de outubro comezaba o aninovo celta, celebrábase o final da tempada de colleita así como o remate do verán e o comezo do inverno.
Os druidas recollían nesa noite as baias do acivro dos troncos de aciñeiras e carballos cunha fouce de ouro para empregar despois nas súas elaboracións "máxicas e curativas" para o poboado. 
Esa noite estaba relacionada, tamén, co mundo dos mortos. Os celtas crían que se abría unha "porta" e o mundo dos vivos e o dos defuntos quedaban comunicados, polo menos unhas horas. Durante esa noite as ánimas dos finados volvían visitar ás súas familias e as súas vellas casas para quentarse cos seus ao carón do lume, por iso en todo o pobo había fogueiras.  
Outra tradición celta da noite do 31 de outubro era amontoar caveiras dos mortos e inimigos e pintalas. Esta costume repercutiu na nosa cultura, xa que nas encrucilladas dos camiños se facían amontoamentos de pedras (milladoiros) e adoitábase depositar unha pedra e pedir un desexo, o feito de deixar aí a pedra é signo de boa fortuna para a viaxe.

Todo isto o lembramos no cole os días anteriores á festa do Samaín para coñecer un pouco mellor aos poboadores antigos das nosas aldeas, as súas vivendas, os seus símbolos, as súas costumes, o seu aspecto, a súa música, as súas crenzas...


A entrada do cole converteuse nun castro e albergou unha preciosa exposición de cabazas celtas do máis variadas, moitas grazas polo voso traballo e orixinalidade!:



Pensamos e debuxamos tamén os nosos desexos e propostas para o novo ano celta que ía comezar, estes foron do máis diversos: dende ter máis irmanciños, pasando pola paz no mundo, ata ter un reloxo de Ben 10 con pilas!


  Por fin, o día 31, xa non só lembramos os tempos pasados senón que os vivimos! visitounos un celta dos de verdade! "LERANCOS, O Emisario do Máis alá" veu polas clases a anunciarnos que: "tiñamos á nosa disposición, un cruceiro e un buzón, que podiamos atopar, na entrada do recinto escolar".  Así que nos puxemos na pel dos nosos antepasados e engalanámonos cos nosos atavíos máis celtas, preparados para a festa! 
 
Antes da cerimonia, metemos os nosos desexos para o novo ano no buzón que se atopaba no "cruce de pasillos". 

Foi tan grande a maxia neste día que o buzón cobrou vida! movíase, collíanos as mans e ata camiñaba! 

Unha vez estivemos todos reunidos para a celebración, o buzón botou algúns dos desexos fóra para que foran lidos polos Mensaxeiros Celtas e fíxose tamén a entrega de varios premios "Cabaza de ouro" e "Cabaza de prata" aos gañadores do concurso de decoración de cabazas.


Finalmente, danzamos ao son da canción "Fogo Nicolás" todos os nenos e nenas do cole xuntos, festexando cunha coreografía celta o comezo do novo ano.



Outra vez máis agradecémosvos a vosa colaboración, sen ela estas actividades non serían o mesmo... e facemos un agradecemento especial a Pedro! pois nunca víramos un celta tan "de verdade"!!