TAN TAN
- Quen é?
- O Outono outra vez.
Coa chegada do Outono énchense os nosos pasillos de follas e as clases de olores e sabores mesturados coa maxia de quen nos sorprende con cestas cheas de froitos da época:
"O Duende do Outono".
"O Duende do Outono".
A primeira visita do ano sempre é un acontecemento. Os nenos/as de 4 anos, 5 anos, e 1º de primaria, xa o coñecen de cursos anteriores (algúns levaban semanas preguntando se este Outono viría de visita o noso amigo!) e a súa emoción desbórdase o primeiro día que o Duende saca tempo e forzas para saír do bosque e vir ao noso cole. No caso dos nenos/as de 3 anos foi unha experiencia nova e a pesar de que a profe xa nos falara
de que ao mellor nestes días de vento e frío recibíamos a súa visita e
de que non tíñamos que ter medo ningún, impresionarnos un pouco ao
atoparnos con algo tan diferente foi inevitable. A chegada do Duende foi recibida (como pasa cada curso) de xeitos moi diversos: a cautela, os nervios, a ilusión e sobre todo a imaxinación desatada e a curiosidade invadían o ambiente.
Esta experiencia é, cada vez que a realizamos, un agasallo para a nosa creatividade e para os nosos sentidos:
Despois da primeira visita calquera ruído nos pon en garda e corremos cara a porta a ver se o noso amigo anda preto... Escoitamos con antención para ver se percibimos o son da súa característica campá, os seus apresurados pasos polos pasillos ou os seus fortes golpes nas portas. Unha vez asomamos ao corredor miramos a un lado e a outro e analizamos o cambio que alí se producíu: follas secas seguindo o camiño que percorreu o Duende, cestas con froitos e notas nas portas das clases, nenos e nenas invadindo os pasillos berrando e sorrindo coas cabeciñas funcionando a mil por hora! Malia que o noso amigo é moi tímido e escapa sempre veloz coma o vento antes de que abramos a porta, sempre hai alguén que afirma que o viu e nos explica con todo detalle como era e por onde marchou!
Se xa isto é enriquecedor non falamos da festa de cores, arrecendos, texturas e sabores que se produce na aulas cando lemos as notas e empezamos a experimentar cos froitos.
O primeiro día a mensaxe do Duende foi:
"Uvas verdes e mandarinas
teñen moitas vitaminas".
O segundo día:
"Hoxe con noces, améndoas e abelás,
ti te asombrarás".

O terceiro:
"Traio caqui e piña
para as vosas barriguiñas".
O cuarto día tróuxonos tamén un cereal:
"Quen toma millo e granada
non enferma de nada.
E se o millo queres cociñar
faino ao forno ou faino estoupar".
E para despedirse, quen sabe se ata o vindeiro ano, deixounos unha sorpresa moi doce. Varias formas orixinais e divertidas de aproveitar os froitos secos que aínda nos quedaban nas clases, despois de tanta froita un pouco de chocolate está permitido! :)
BOMBÓNS PARA 3 ANOS
TURRÓN NA CLASE DE 4 ANOS
CHOCOLATINAS EN 5 ANOS