25 de febreiro de 2013

UN ENTROIDO DE CONTO

Érase que se era un bonito cole cor salmón que se atopaba no máis alto dunha alta montaña...

Aos nenos e nenas deste bonito cole da montaña de Frións encantábanlle os contos; non había cousa que máis os divertira, os entretivera nin os emocionara que ler ou escoitar unha historia... unha historia de amor, unha historia triste, unha historia de animais, de fantasía, de medo, de risa...

Non lles importaba nadiña o que pasara nesas historias porque o que os engaiolaba era esquecerse por un intre do seu nome, da súa casa, do seu bonito cole asalmonado e transformarse noutro neno ou nena, ou nun animal, ou nunha flor!, chamarse doutra maneira, ou non chamarse!, ter outros amigos e vivir novas aventuras! 

Pero... unha cousa si que era certa... a estes pequenos gustáballes fantasear só durante un ratiño pequeno, ao pouco de atoparse inmersos neses fantásticos lugares comezaban a botar de menos aos seus papás e mamás, aos seus compañeiros do cole e ás súas guapísimas profes! (jijiji) 

Foron estas últimas as que pensaron que sería divertido "abracadabruxapatadecabuxa" facer a fantasía... realidade por un día! A condición (sempre hai unha condición...) era que os cativos tamén tiñan que poñer da súa parte unha pouquiña de maxia para que este feitizo funcionase e non rematasen todos convertidos en sapos peludos.

E así foi. Os nenos e nenas puxéronse manciñas á obra para transformarse e transformar o cole da montaña nun lugar de conto (ou de moitos contos máis ben). Pos máxicos por aquí, pos máxicos por alá, coelliño coelliño sal do sombreiriño, patas de serpe, corazón de león... Push, pupush, pupush-pupush-pupush!



Intentárono, e de verdade que o intentaron con todas as súas forzas peeeeero... Pin Zas! Fogo Nicolás! o Meco, un poderoso trasno entroideiro, botoulles un aturuxo e engalanounos cada día cun complemento diferente para dificultarlles a laboriosa labor que estaban a elaborar!












A pesares das falcatruadas do Meco fervello, a maxia e as ilusións dos rapaces e rapazas eran tan fortes que conseguiron, polos pelos! rematar o feitizo e "Biribiribiribiriclinclinclin" (sonido de maxia e estreliñas) adentráronse nos seus contos favoritos (ao máis puro estilo Mary Poppins entrando nun cadro). Os de tres anos infiltráronse no conto de Elmer, os de catro anos no de Peter Pan e os de cinco anos no de Carapuchiña Vermella.







Aproveitan, os meniños e meniñas, para xogar, para comer perdices, ou orellas, ou flores, ou melindros! e para beber refrescos con burbullas, que chegou o día da gran festa de Palacio! pero non esquecen que ás 14:45 horas, ao soar a quinceava menos cuarto badalada, o feitizo remata, e os vermes xigantes serán de novo autobuses, o castelo das nubes será de novo o cole da montaña, as fermosas princesas serán de novo profes fermosas (as avoas ultimamente non nos botan moitos piropos), e os Lobos, Carapuchiñas Vermellas, Peters Pans, Campaíñas e Élmeres, serán de novo eses nenos e nenas soñadores, divertidos, cariñosos, aventureiros... que nada teñen que envexar aos personaxes dos contos.

Colorín, colorado...