22 de decembro de 2015

Felices festas!






 

"Que o 2016 veña cargadiño de saúde, igualdade, ilusión e moitísimo amor."

 




E para que amenicedes as vosas reunións familiares tan propias destas datas aquí vos deixamos algúns dos vídeos das actuacións do festival de Nadal deste ano.

Actuación da clase de 4º de Educación Infantil:



Actuación da clase de 5º de Educación Infantil:



Actuación da clase de 6º de Educación Infantil:



Actuación das alumnas e alumnos de pandeireta:



 Actuación de Inglés:

18 de decembro de 2015

Festa de aniversarios

 Facer anos é ir tomando conciencia de quenes somos e do mundo no que vivimos, é entender a nosa propia realidade e comprender moitas cousas que antes non comprendiamos. Facer anos é medrar, madurar, recapacitar... Aprender a perdoar, asumir responsabilidades e obligacións pero tamén soñar. Facer anos é recoñecer as nosas necesidades e as dos que nos rodean. É asumir que non todo é como nos gustaría, é aceptar, soportar e tolerar, mais tamén descubrir o moito que podemos facer por nós mesmos e aquilo que nos gusta facer ou non. Facer anos é axudar, botar unha man ao compañeiro, aprender a ser solidarios. É alegría, tristeza, melancolía, lembranzas e moito máis. 
Pero por enriba de todo, facer anos é a vida mesma, é vivir, simplemente vivir!

Nós onte pasámolo de película celebrando os nosos 3º, 4º e 5º aniversarios, acompañados dos nosos compañeiros e compañeiras, comendo, cantando, rindo... vivindo xuntos!



Agasallar en igualdade

Á hora de agasallar lembrade


Tamén vos deixamos unha páxina cun montón de ideas para regalar en galego:

Agasallo.eu

2 de decembro de 2015

Saímos do cole!

Como na clase de 5º de EI estamos aprendendo cousiñas sobre os cogomelos, e como por sorte o noso cole está rodeado de moito monte, o día 11 de novembro decidimos saír das aulas e ver en primeira persoa estes "seres" sobre os que estamos investigando. A nai e os avós de Gael, que son uns grandes expertos no tema, ofrecéronse a acompañarnos. Un millón de grazas! A verdade é que o monte estaba precioso vestido de outono, unha experiencia para repetir sen dúbida.


O mércores seguinte convidáronnos ás nenas e nenos de 5º e 6º de EI a ir ao auditorio a ver a película de animación "Maimiño e o espello máxico" e alá fomos. Chegamos de primeiros e collemos sitio diante de todo así que non tivemos escusa para non estar superatentos!


E onte mesmo volvemos todas as clases de infantil ao auditorio, nesta ocasión a ver unha actuación de títeres á que nos convidaron o concello e a fundación FAIBEN con motivo da conmemoración do Día dos Dereitos do neno. A obra que vimos chámase "En la boca del lobo" e os artistas son "Los titiriteros de Binéfar" (premio Nacional de Teatro para a Infancia e a Xuventude). ESPECTACULARES.


27 de novembro de 2015

Xosé Neira Vilas

"Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre."

 

Hoxe faleceu un grande activista da cultura galega e autor da obra máis vendida da historia da nosa literatura: "Memorias dun neno labrego". Como el mesmo dicía "só quería contar o que pasaba na aldea, fronte á visión idílica, bucólica e humorística que había", mais as súas "Memorias" iluminaron as nosas escolas en tempos de tebras para a nosa lingua.
Fai uns tres anos tivemos a sorte de recibir a súa visita no noso centro, unha experiencia marabillosa para os nosos cativos e cativas que de seguro valorarán aínda máis co paso dos anos...


Super-recomendamos:


Aquí vos deixamos tamén este enlace a un vídeo da Semente Tasancos, é curtiño pero deixa ben claro o que o pai do Balbino pensaba das nenas e nenos e da lingua.


Xosé Neira Vilas non deixou de escribir, de dar conferencias, de recibir premios... Ultimamente estaba a escribir letras para cancións de varios artistas galegos e, afortunadamente, seguiremos sabendo del nos vindeiros meses. 
Ata sempre!

25 de novembro de 2015

Día Internacional contra a Violencia Machista

Está nas nosas mans educar ás MULLERES e HOMES de mañá. 
Fagámolo na igualdade, fagámolo no respecto, fagámolo ben. 

Non esquezamos que a educación na igualdade comeza desde que nos erguemos pola mañá ata que nos deitamos cada noite, pero hai situacións e lugares que aumentan o risco de caer en comportamentos sexistas; as xogueterías son un deles. Este Nadal cando vaiamos mercar agasallos, reflexionemos sobre o que queremos transmitirlle ás nosas pequenas e pequenos.

"As nenas son delicadas princesas", "os nenos son afoutos supereroes", "as nenas xogan con bonecas e cociñiñas", "os nenos xogan con coches e pistolas", "as nenas son fermosas", "os nenos son trastes"...
No portal "Alí" veñen de inaugurar un novo tema: "IGUALDADE", onde recompilan os materiais dirixidos a rachar cos roles de xénero que tanto mal nos están a facer. Agardamos que algún día deixe de ser necesario. Facede clic na imaxe!

http://aliali.fabaloba.com/?cat=83

Como cada ano o blogue Trafegando Ronseis tamén fai a súa achega audiovisual (dirixida aos adultos) a esta data: "Ano 2015. A liberdade vén dada por unha mesma. A loita de sermos quen de rachar as ataduras. O vídeo está cheo de metáforas das que pendura unha mensaxe de optimismo, de futuro." Premede na imaxe!

 http://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2015/11/25-n-novamente.html

"Principiñas e Princesiños" é un vídeo que trata de recopilar as mensaxes de alumnos e alumnas de 4º de Primaria de colexios públicos de Pontevedra, participantes no programa nAmorAndo. Nel traballáronse a identificación e expresión das emocións básicas como forma natural de expresión en ambos sexos, a ruptura de estereotipos sexistas e a reflexión sobre tópicos do amor romántico.

https://vimeo.com/125445226

 Aquí vos deixamos o conto "La cenicienta que no quería comer perdices" de Nunila López Salamero, contado polas alumnas e alumnos de 2º A do IES Profesor Pablo del Saz (Marbella) durante o curso 2010-2011.

 https://www.youtube.com/watch?v=ypoeK-LvRPw
 
E xa por último non podía faltar o conto adicado a esas Clementinas valentes que deixan a súa casa e o seu Artur para ser libres. Se premedes na imaxe veredes un vídeo elaborado polas rapazas e rapaces do CEIP de Leirado en Salvaterra do Miño.

https://www.youtube.com/watch?v=gLjooxNtytg

Por todas as Clementinas!!

12 de novembro de 2015

Dedín dedín!

Xa sabedes os nomes dos dedos?


Recitados populares:

"Este é o dedo meniño,
este é o seu sobriño,
este é o pai de todos,
este é o furabolos
e este, o matapiollos".


"Este foi pescar e non trouxo nada,
este tamén foi e trouxo unha xarda,
este limpouna,
este guisouna,
e este gordiño gordiño, enteira papouna". 

(O adulto vaille collendo os dedos á nena ou neno dende o máis pequeno ao máis gordo).

11 de novembro de 2015

San Martiño


O 11 de Novembro, San Martiño, é unha data moi especial en Galicia polo que contamos cun grande número de ditos e refráns que fan referencia a ela. Estes refráns teñen especialmente en conta as castañas, o viño, os trompos ou a matanza do porco.
Aquí vos deixamos unha mostra:

"Polo San Martiño faise o magosto, con castañas asadas e viño ou mosto".
"Castañas, noces e viño fan a ledicia do San Martiño".
"De San Miguel a San Martiño, recóllese o pan e gárdase o viño".
"A todo porco lle chega o seu San Martiño".
"Polo San Martiño, trompos ao camiño". 
"No San Martiño bebe viño e deixa a auga pró muíño".
"O verán de San Martiño son tres días e máis un pouquiño".
"Polo San Martiño vai ver o teu soutiño". 
"Despois de San Martiño vén o inverno de camiño". 
"San Martiño, vai ao magosto e mata o porquiño". 
"Horta de San Martiño, mantén ao seu dono e máis ao veciño".
"Polo San Martiño, mata o porco e proba o viño". 

 No noso cole celebraremos o Magosto o venres 20 de Novembro!

5 de novembro de 2015

Vídeos de ciencia en galego

Aquí vos deixamos unha canle de vídeos divulgativos en galego da man do Grupo Divulgare da @uvigo. Un recurso de grande utilidade!

https://vimeo.com/channels/cienciaengalego/videos

4 de novembro de 2015

Día da Ciencia en Galego

Hoxe reivindícase o o uso da lingua galega para a investigación, a divulgación e a docencia científica.
Picade na imaxe para ler máis sobre o tema!

http://www.gciencia.com/ciencia/actos-en-toda-galicia-festexan-o-dia-da-ciencia-en-galego/


2 de novembro de 2015

Os Bolechas

Picando na foto podedes visitar o novo portal dos Bolechas!
Xogos, descargas, canle de TV... Animádevos a dar unha volta por alí, seguro que atopades cousas interesantes!
http://www.osbolechas.gal/

28 de outubro de 2015

Polos defuntiños

Nin truco nin trato: 

"Polos defuntiños que van alá"

Na Illa de Arousa permanece moi, moi viva a tradición de ir pedir polas portas no día de Defuntos, chamado alí tamén como Día de Pedir. Porén, non preguntan por truco nin trato, senón que pregan que lles dean algo "polos defuntiños que van alá".
O de "ir alá" recórdame moito a miña avoíña Pepa e os rezos que nos aprendía aos seus netos, en galego, para pregarmos en favor dos mortos da familia, mesmo daqueles que nunca chegamos a coñecer, tal e como os da siña Sinforosa de Castelao.

Por se non vos lembrades da siña Sinforosa, que pertence a esa xenialidade que é Cousas, colo aquí a ilustración e o texto:

 

Todos cantos sabían algo da hestoria da vila en que eu nacín, xa repousan debaixo dos terróns.
A siña Sinforosa era unha velliña que todos os días pasaba o mar porque era mandadeira de oficio, como xa fora súa nai, súa avoa e cicais todas as súas devanceiras, dendes que os da banda de acá tiveron comercio cos da banda de alá. Era honrada ou parecía selo pois vivía do seu creto de muller de ben. Engaioleira e faladora con todos, tiña sempre, para a xente fidalga, un caravel na súa boca chuchada. A siña Sinforosa sabía todas as traxedias do mar naquela travesía.

Nos días de tempo ruín, cando funga o vento nas cordas e os salseiros varren a cuberta do barco, a siña Sinforosa metíase en si e rezaba pola súa ialma.

Nos días mainos a siña Sinforosa rezaba polos afogados. O barco ía andando cara á banda de alá e a mandadeira ía rezando sempre.

— Un padrenuestriño polo Xan de Codeso, que morreu afogado un día da Candelaria.

— Unha salve por doña Rosa Faxardo, que se botou a afogar na punta da Falcoeira.

— Un padrenuestriño, unha salve e unha avemaría polas catro fillas do Belurico, que morreron de volta do mercado.

— Unha salve por Ramón Collazo, que o levou un cóngaro e nunca máis apareceu.

Así seguía rezando, rezando sempre, por todos cantos morreron naquel camiño do mar. A vella mandadeira gardaba na memoria os nomes dos afogados e as datas das traxedias.

Un día reparei que a siña Sinforosa rezou por “un rapaciño que morreu en Tronco”, e pergunteille:

— Quen foi o rapaciño que morreu en Tronco, siña Sinforosa?

I ela respondeume:

— Non o sei, meu amantiño; ise afogado non é do meu tempo pois xa rezaba por el a difunta de miña avoa, que no Ceo estea.

A siña Sinforosa morreu xa, e de tantas traxedias non quedan máis que tres ou catro cruces de madeira chantadas nas pedras de beiramar. A vella mandadeira levou ao Alén a hestoria de todos os afogados da vila en que eu nacín.

Unha vez que atravesei o mar, sentín dentro do meu peito o baleiro de tanto esquecimento e en nome de todos os afogados preguei:

— Un padrenuestriño pola siña Sinforosa.


 
Texto extraído do blogue do Carlos Callón 

2 de outubro de 2015

DESCUBRINDO AS EMOCIÓNS

Os comezos son sempre complicados, e máis cando aínda estamos aprendendo a comprender o que sentimos e como xestionalo.
A través do xogo podemos axudar ás pequenas e pequenos a recoñecer as diferentes emocións.
Aquí vos deixamos algunhas actividades interactivas coas que podedes practicar desde a casa:

http://odas.educarchile.cl/objetos_digitales/odas_lenguaje/basica/5to_gestos/index.html

9 de setembro de 2015

Imos aló!




Mañá comezamos un novo curso!
Cantas ganas de atoparnos despois deste tempo ser vernos, cantas ganas de xogar, de aprender, de rir, de cantar, de escoitar contos novos, de falar coas amigas e amigos, de ver ás profes (jijiji)...
Que nervios! Enerxías cargadas? Pois... imos aló!

17 de maio de 2015

23 de abril de 2015

DÍA DO LIBRO

 " nalgún lugar de un libro, sempre  hai  unha frase esperándonos, para darlle sentido á existencia"

porque ler é vivir....



21 de abril de 2015

CUMPLES 2º TRIMESTRE

PASAN OS DÍAS E OS NOSOS PEQUES VAN MEDRANDO...

  CUMPLIRON 4 ANOS 

 DANIELA,ANDREA,CAMILO E GLORIA







CUMPLIRON 6 ANOS

FATIMETOU, ALEXANDER,SARA, ANTONIO,ANA, JONATHAN E SANDRO



AMOR PARA OS PAPÁS!

Como  o 19 de marzo era  un día especial para os nosos papis... No cole, coas nosas profes, elaboramos xogos de  tres en raia  moi orixinais, para compartir con todos eles este día.




DÍA DA MULLER TRABALLADORA

O 8 de marzo conmemórase o día da muller traballadora. Para celebralo no cole este luns,  en representación de todas as nosas mamás, avoas, tias... "incansables traballadoras"invitamos  a mamá de Sandro, da clase de 5 anos, "muller traballadora na emigración en Suiza".  GRAZAS DOLORES!! por compartir con nós a túa experiencia.




8 de marzo de 2015

PRIMAVERA ANTICIPADA !

Esta semana comezamos a gozar do sol e como  non sabemos o que nos durará... pois saímos ao patio,
a disfrutar  de esta primavera anticipada que nos regala o mes de marzo.



26 de febreiro de 2015

FESTA DO ENTROIDO

A choiva non nos permitiu disfrutar do noso día de entroido pero eso non nos impediu lucir o noso traballo.

ASÍ DE GUAPOS QUEDAMOS TODOS!




"O CAMIÑO DE SANTIAGO"

Clase de 3 anos









                                 "PINTORES PARISINOS"
                                           Clase 4 anos





                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                             
" GALEGOS E GALEGAS"

              Clase 5 anos












E...... ASI FOI A FESTA, QUE A CHOIVA ENSOMBRECEU PERO, NA QUE IGUALMENTE DESFRUTAMOS UN MONTÓN!


 Os nosos cativos na tvbarbanza (preme aquí)

ASI ELABORAMOS OS NOSOS DISFRACES

Non todo foi festexar... os día previos traballamos arreo elaborando os nosos disfraces para estar ben guapos. A temática proposta este ano,desde o equipo de extraescolares foi "Viaxando"... pois viaxando, viaxando...


...CLASE DE 5 ANOS  NA  GALIZA  SE FOI MERGULLANDO!




....CLASE DE 3 ANOS ATA SANTIAGO FOI CAMIÑANDO






tamén nos divertimos con talleres de maquillaxe!