29 de decembro de 2016

O Apalpador

Este venres ao son de Xoldra Rachada o Apalpador percorrerá as rúas de Ribeira. Non volo perdades!


Quen é o Apalpador?



Cancións do Apalpador: 





19 de decembro de 2016

Peixiños do mar

O libro "Peixes e outra fauna mariña", con ilustracións de Tokio e editado pola Mesa, ten canción de Magín Blanco "Peixiños do mar" e é un libro co tamaño perfecto para mans pequenas. Marabilla de artistas!!

15 de decembro de 2016

Postal de Nadal

Esta é a postal gañadora do concurso deste ano.

Lembrade que o mellor agasallo é sempre un sorriso :)


6 de decembro de 2016

Teatro no Auditorio

Infórmannos desde o Concello que o sábado 10 de decembro, ás 19horas, poderedes acudir á representación da obra teatral infantil "Roedores" no Auditorio municipal. A asistencia é gratuíta e poderase pasar a recoller a entrada media hora antes da actuación no mesmo Auditorio.

Fannos chegar a seguinte información: 

"Roedores" é unha fábula dramatizada con música en directo que trata de concienciar en valores de fomento da igualdade a través das aventuras dos seus personaxes protagonistas, o hámster Peludiño e a rata Munda, interpretados por Guillermo Carbajo e Laura Míguez.  
"Roedores" foi nomeada nos Premios de Teatro María Casares deste ano nas categorías de Mellor Espectáculo Infantil e Mellor Actriz Protagonista.

Nas seguintes ligazóns podedes acceder á páxina web, ao video promocional e ao dossier do espectáculo: 

Peludiño é un hámster que escapou da súa gaiola para vivir aventuras na cidade. Munda é unha rata soñadora que pasa as noites rebuscando no lixo para levar comida aos seus irmáns.

Estes dous roedores terán que deixar atrás os seus prexuizos e traballar en equipo para vencer o temido Gato. Xuntos aprenderán que son máis parecidos do que eles pensaban e que as diferenzas os fan especiais. Ao fin e ao cabo…”Todos somos Roedores”.

5 de decembro de 2016

TAN TAN

  Como dixemos hai uns anos...


 TAN TAN
- Quen é?
- O Outono outra vez.

Coa chegada do Outono énchense os nosos corredores de follas, e as clases de olores e sabores mesturados coa maxia de quen nos sorprende con cestas cheas de froitos da época:
"O Duende do Outono".

A primeira visita do ano sempre é un acontecemento. Os nenos/as de 4 anos, 5 anos, e  moitos de primaria, xa o coñecen de cursos anteriores (algúns levaban semanas preguntando se este Outono viría de visita o noso amigo!) e a súa emoción desbórdase o primeiro día que o Duende saca tempo e forzas para saír do bosque e vir ao noso cole. No caso dos nenos/as de 3 anos foi unha experiencia nova e a pesar de que a profe xa nos falara de que ao mellor nestes días recibíamos a súa visita e de que non tíñamos que ter medo ningún, impresionarnos un pouco ao atoparnos con algo tan diferente foi inevitable. A chegada do Duende foi recibida (como pasa cada curso) de xeitos moi diversos: a cautela, os nervios, a ilusión e sobre todo a imaxinación desatada e a curiosidade invadían o ambiente.  
  
Esta experiencia é, cada vez que a realizamos, un agasallo para a nosa creatividade e para os nosos sentidos:
Despois da primeira visita calquera ruído nos pon en garda e corremos cara a porta a ver se o noso amigo anda preto... Escoitamos con antención para ver se percibimos o son da súa característica campá, os seus apresurados pasos polos pasillos ou os seus fortes golpes nas portas. Unha vez asomamos ao corredor miramos a un lado e a outro e analizamos o cambio que alí se producíu: follas secas seguindo o camiño que percorreu o Duende, cestas con froitos e notas nas portas das clases, nenos e nenas invadindo os pasillos berrando e sorrindo coas cabeciñas funcionando a mil por hora! Malia que o noso amigo é moi tímido e escapa sempre veloz coma o vento antes de que abramos a porta, sempre hai alguén que afirma que o viu e nos explica con todo detalle como era e por onde marchou!
Se xa isto é enriquecedor non falamos da festa de cores, arrecendos, texturas e sabores que se produce na aulas cando lemos as notas e comezamos a experimentar cos froitos. 

Este curso non foi diferente aos anteriores e a semana do 21 de novembro tivemos a sorte de recibir (tres días!) a visita do Duende do Outono. Aí van as probas de que lle encanta pasar polo cole de Frións e deixarnos uns fermosos e deliciosos froitos... 

Así foi na aula de 4º de Educación Infantil:



Así foi na aula de 5º de Educación Infantil:



Así foi na aula de 6º de Educación Infantil:


30 de novembro de 2016

Títeres

O día 25 de Novembro (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller)  tivemos a sorte de contar cunha actuación de títeres organizada pola ANPA para reflexionar sobre a igualdade.
A Árbore Máxica deixounos moi clariño que os nenos poden empregar a cor rosa e as nenas poden xogar ao balón. As cores e os xoguetes son para todas e todos!

Magosto 2016

O día de San Martiño, 11 de Novembro, celebramos o noso Magosto. Como todos os anos comezamos a xornada paticipando por grupos nos diferentes xogos tradicionais (birlos, chapas, zancos, ra, castaña-culler) e despois dos xogos para recuperar forzas comemos riquísimas castañas asadas!



25 de novembro de 2016

Polas mulleres

QUE NADIE calle tu verdad, que nadie te ahogue el corazón...


"As palabras sorrín, menten, prometen, rachan...ou reparan. Reparar. 
Vivamos as palabras que reparan."

Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra a Muller

Hoxe é o Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra a Muller. Compartimos este conto, que colgou O Aquel no seu facebook, que nos fala de como a sociedade xera na muller unha falta de autoestima que facilita os malos tratos. Trátase dun vídeo para concienciar da importancia de quererse e aceptarse como cada quen é. Ensinar a nenas e nenos que a verdadeira beleza é unha actitude e cada quen é fermosa ou fermoso cando é auténtico.



Tamén vos deixamos outros enlaces coas entradas antigas que teñen materiais e informacións relacionadas con este tema.

http://osaquelesdefrions.blogspot.com.es/2016/03/dia-da-muller-traballadora.html
http://osaquelesdefrions.blogspot.com.es/2016/03/dia-da-muller.html
http://osaquelesdefrions.blogspot.com.es/2015/12/agasallar-en-igualdade.html
http://osaquelesdefrions.blogspot.com.es/2015/11/dia-internacional-contra-violencia.html

17 de novembro de 2016

Piper!

Este verán puidemos ver nos cines "Buscando a Dory" e a curta que Pixar presentou antes de comezar a película foi "Piper".
Dirixida por Alan Barillaro e producida por Marc Sondheimer, amosa unha técnica e uns detalles que a levan a ser a considerada pola crítica como a mellor curtametraxe de Disney Pixar até o momento.
Piper cóntanos a historia dun pequeno pilro que debe facer fronte aos seus medos. A curta tamén leva implícita unha mensaxe para os adultos, segundo explicou Barrillaro, as nais e pais deben estar aí para os seus fillos, "dándolles o espazo que precisan para medrar".
Unha historia que, sen diálogos, fala sobre o esforzo e a superación, do traballo que lle custa a Piper abandonar o niño e sumarse aos seus semellantes para coller ameixas na praia... Como noutras historias Disney, un cangrexo ermitán (lembrémonos de Sebastián) será o encargado de axudar ao pequeno heroe a afrontar os seus medos!
PRE-CIO-SA!
 

11 de novembro de 2016

Samaín

O venres, 28 de outubro, celebramos no cole o Samaín!

Chegado o final de outubro, os celtas adoitaban celebrar unha gran festa nocturna para conmemorar “o fin da colleita”. Esta festa chamábase Samhain que significa “o final do verán”; nela daban a benvida ao Ano Novo e nesas datas os antigos celtas almacenaban provisións para o inverno, chegaba o frío e a partir dese momento os días ían ser máis curtos e as noites máis longas.
Nesa máxica noite de rituais parece que crían os celtas que se abría a porta do máis alá e vivos e mortos tiñan a oportunidade de poder comunicarse. A costume era deixar comida fóra das súas casas e acender candeas para axudar ás almas dos mortos a atopar os seu camiño e descanso. Tamén se di que collían caveiras dos seus inimigos (ou baleiraban nabos), e no seu interior puñan carbóns acendidos para iluminar o camiño de regreso ao mundo dos vivos aos seus familiares e defuntos máis queridos dándolles así a benvida, á vez que se protexían dos malos espíritos.

Para celebrarmos esta festa, este ano decidimos realizar unha xincana que dun xeito divertido lles fora achegando ás nenas e nenos diferentes aspectos relacionados con esta data.
Organizamos a actividade arredor de 8 probas que deberían superar por equipos, ao rematar cada unha delas o equipo conseguirá unha parte do pergamiño do "conxuro da chocolatada".
Queremos felicitar tamén ao alumnado de 6º de Educación Primaria que colaboraron como monitores e axudantes nas diferentes probas e fixérono super ben, uns profesionais!

Probas de MEDO e de LUZ NEGRA.
Os equipos tiveron que buscar as dúas mandarinas agochadas na terrorífica aula de inglés que estaba case a escuras e na que había algún que outro susto, ao rematar a Meiga-Teacher Josefa e os seus monstruosos axudantes tamén repartiron chuches! Na sala de lectura, coa axuda da profe Sara, tiveron que buscar as letras para compoñer palabras relacionadas co Samaín, neste caso alumeados só por unhas lámpadas máxicas de "luz negra", aos equipos que remataron pronto os axudantes pintáronlles na man unha espiral con pintura fluorescente, soprámoslle un pouquiño para que secase e brillábamos na escuridade!


Probas do XOGO MUSICAL e do CONTO DO SAMAÍN.
Na aula de música, o druída Martín preparoulles un xogo parecido ao escondite inglés nunha versión acompañada de música celta, o gañador ou gañadora do xogo debía atopar o anaco do conxuro axudado polas compañeiras e compañeiros que lle deron pistas empregando os instrumentos de percusión. Na biblioteca a profe Esperanza leulles e púxolles o vídeo do conto "Corre, corre, cabaciña" e cada equipo tivo que ordenar unha secuencia de imaxes sobre o mesmo.


Probas de MAQUILLAXE e da BUSCA DO TESOURO CELTA.
Era costume de moitos pobos guerreiros pintarse os rostros (e/ou o corpo) en datas importantes ou antes dunha batalla co obxectivo de diferenciar rivais de aliados e de amedrentar aos seus inimigos; así o fixemos nós tamén e axudándose dunhas imaxes que lles serviron de ideas e modelos as monitoras e monitores de 6º fixéronlles aos diferentes equipos unhas maquillaxes xeniais. Xa no patio o profe César leulles unhas adiviñas para axudalles a atopar unhas imaxes e con elas poder conseguir a pista para chegar á chave do cofre do tesouro, estaba cheíño de coroas e colares celtas cos que puideron poñerse aínda máis guapas e guapos!


Probas de XOGOS.
Aos celtas tamén lles gustaba divertirse! Así que nesta xincana non podían faltar os xogos: encesta as pelotas na boca da cabaza, tira os birlos do Samaín, segue coa canica o labirinto celta ou encesta o aro no sombreiro de meiga. Pasámolo pipa!


Ao conseguir todos os equipos todas as partes do "conxuro da chocolatada", puidemos degustala acompañada duns churros deliciosos que as nais e pais da ANPA nos axudaron a preparar. Tamén tivemos unha meiga e un druída saxofonista que realizaron o ritual dun xeito máis que profesional!!


Vídeo do conxuro:

Durante toda a semana as nenas e nenos foron decorando a entrada do cole coas súas traballadísimas cabazas, decoradas con un montón de temáticas diferentes, preciosas! O xoves, todos os nenos e nenas do cole baixaron á entrada para poder ver todas as cabazas expostas e votar a súa favorita e o venres ao rematar a festa entregamos os premios ás cabazas máis votadas.


Cabazas 4º de Educación Infantil:


Cabazas 5º de Educación Infantil:


Cabazas 6º de Educación Infantil:

6 de novembro de 2016

Semana da Ciencia

Con motivo da celebración da Semana da Ciencia a entrada aos Museos Científicos Coruñeses será gratuíta desde mañá luns até o domingo 13!

Máis información pinchando na imaxe.

http://www.coruna.gal/portal/gl/concello/noticias/detalle-noticias/a-entrada-dos-museos-cientificos-sera-gratuita-desde-o-vindeiro-luns-ate-o-domingo-13-co-gallo-da/suceso/1453606005476

18 de outubro de 2016

Imagine Elephants

"Cal é a primeira cousa que fai un neno/a tan pronto como o deixamos en paz?"

Unha preciosa reportaxe sobre a importancia do xogo espontáneo, na que se entrevista a máis de trinta profesionais do mundo da educación, a infancia, a psicoloxía, a pedagoxía, etc... 
Imprescindible!



Atoparedes moita máis información sobre este proxecto na páxina www.imaginelephants.com

14 de outubro de 2016

Recitados e xogos populares

Arrolos, xogos de colo, as sortes, dramatizacións, trabalinguas, mentiras e disparates, acumulativos, cancións de excursión... Nesta presentación, o profesor Antón Cortizas amósanos unha compilación ben interesante de recitados e xogos populares infantís para xogarmos coas nenas e cos nenos!


7 de outubro de 2016

29 de setembro de 2016

Programa Apego

O programa Apego explícanos neste vídeo todo o que ofrece ás familias (agasallo de benvida incluído) para axudar na socialización na nosa lingua. Esta iniciativa está dirixida especialmente a familias con cativos ou cativas de 0 a 6 anos, ou que están agardando a chegada dun novo membro (parabéns!) www.apego.gal

23 de setembro de 2016

Festival Galicreques 2016

Do 24 de setembro ao 2 de outubro celébrase en Santiago de Compostela o Festival Internacional Galicreques, cun montón de actuacións de monicreques dirixidas aos pequenos e pequenas da casa. Picando na imaxe veredes máis información sobre os espectáculos que se realizarán durante estes días, os horarios e os prezos das entradas. Animádevos que Santiago está aí ao ladiño!

http://www.titerescachirulo.com/galicreques/?lang=gl

9 de setembro de 2016

Benvid@s - Curso 2016-2017

https://madreagua.com/2015/09/04/como-afrontar-los-padres-el-periodo-de-adaptacion-a-la-escuela/ 
Xa que o luns é festivo, o martes daremos comezo ao novo curso! o horario de clase será o normal (9:45h - 14:45h) e o mesmo para os servizos de transporte e comedor.

Temos moitas ganas de ver ás nosas pequenas e pequenos e de coñecer a aqueles que veñen ao noso cole por primeira vez!  :)   Son días de moitas emocións e moitos nervios para todas e todos, moitos reencontros, moitas apertas, moitas historias que contar e tamén algún choro... Non pasa nada, a todos nos custan os cambios e pouco a pouco iremos adaptándonos e colléndolle o ritmo ao cole, paciencia!
É moi recomendable á hora das despedidas (especialmente nestes primeiros días, que se nos fan máis complicados) intentar non alongalas demasiado, amosarnos tranquilas e tranquilos (aínda que non o estemos...) e empregar un "pásao moi ben!" ou calquera outra mensaxe positiva; os "pórtate ben", "non pegues", ou "que non che teña que berrar a profe" pódenlle xerar máis inseguridades e tensións ás pequenas e pequenos, e o que en realidade queremos que fagan no cole é desfrutar, unha vez conseguido isto o demais xa vén só.

Se pinchades na imaxe que acompaña o texto atoparedes algúns consellos para nais e pais que poden axudarvos a levar mellor a adaptación ao curso escolar, de calquera xeito o máis importante xa sabedes o que é... cariño, tranquilidade e mooooita paciencia!

Vémonos o martes!

25 de xuño de 2016

ZUMGA: O ZUMBA GALEGO!

Estes últimos meses nas clases de música estivemos traballando o ritmo, a coordinación e a autoconfianza a través da música galega e o deporte creando unha nova disciplina: o ZumGa! As nenas e nenos aportaron un montón de ideas e pasárono xenial bailando os pasos que eles mesmos inventaban; ao mesmo tempo exploraron as súas posibilidades corporais e fixeron exercicio, foi divertidísimo!
Así que xa sabedes, se algún día no verán vos aburrides... botádelle unha de ZumGa! mmmm iso se sodes capaces de seguirlle o ritmo a estas fieras do baile... jijijijiji





Limoada

O martes 21 de xuño, co comezo do verán, na clase de 6º de EI aprendemos a facer limoada.
Aquí está a receita:


Limóns, auga e azucre


Entre todos preparamos a limoada


Probámola


E como xa estamos no verán, celebrámolo tomando xeados de limón e laranxa!

23 de xuño de 2016

Paporrubio e aniversarios

O luns (día 20) visitounos "Paporrubio" (organizado pola ANPA), un dueto de artistas e músicos tradicionais que trouxeron un montón de xogos artesáns ao cole. Pasámolo pipa!


E despois de xogar co Paporrubio... festa de aniversarios!! Un día completiño jijijiji


20 de xuño de 2016

Chegou o verán!

Hoxe será o día máis longo do ano e o solsticio de verán coincidirá coa "lúa chea de amorodo". Asomádevos a fiestras e terrazas esta noite!
Pinchade nas imaxes se queredes ler máis:

http://www.muyinteresante.com.mx/espacio/16/06/20/solsticio-verano-luna-llena-fresa.html

http://espana-diario.es/noticia/1241/el-solsticio-de-verano-coincide-con-la-luna-de-fresa-setenta-anos-despues-de-la-ultima-vez

2 de xuño de 2016

Excursión ao Grove

O pasado martes, 24 de maio, fomos de excursión ao Grove!
O primeiro que fixemos ao chegar foi subir no catamarán; nel vimos o fondo do mar, observamos de cerca as bateas (o monitor do barco subíu a unha delas e ensinounos as cordas cheas de mexillóns, ostras e vieiras), démoslle de comer ás gaivotas, merendamos, bailamos e tivemos a sorte de ir acompañados durante a viaxe dun banco de arroaces!!! vímolos nadar e saltar ao noso ladiño!
Despois do paseo en catamarán fomos ao acuario. Nel aprendemos un montón de cousas e vimos moitísimas especies de augas frías, cálidas e de auga doce: estrelas de mar (que puidemos tocar), polbos, cazóns, moreas, cabalos de mar, peixes paiaso, tartarugas... Na páxina do acuario podedes atopar máis información e as pequenas e pequenos pódenvos explicar todo o que viron: http://acuariodogrove.es/
Para comer tiñamos un cole ao ladiño do acuario esperando por nós, pois contabamos con que chovera, pero o tempo portouse ben e deixounos comer ao aire libre. Xa coas barrigas cheas, e xusto cando comezaba a chover, montamos de novo no bus para vir de volta ao cole.
Foi un día estupendo, unha saída moi divertida e todo o persoal que nos guiou na visita (acuario e catamarán) se portou xenial con nós e a verdade é que nós tamén nos portamos de marabilla! Para repetir!