Somos os nenos e nenas de educación infantil do CEIP de Frións (Carreira-Ribeira)
e queremos compartir coas nosas familias e outros "compis" as nosas aventuras nesta primeira etapa educativa do longo camiño da maxia dos saberes.
Para lembrarlles aos nosos papis (ou outras persoas que tamén nos coidan moito e son como pais ou nais para nós) todo o que os queremos, o venres levámoslles un detalliño feito con moitísimo amor.
Se mesturas un lenzo, co teu perfil e unhas témperas ou acuarelas saen cousas tan preciosas coma estas. Agardamos que vos gustaran tanto como aos pequenos e pequenas facelas!
Un artigo xenial no que o mestre Raúl Bermejo comparte a súa experiencia educativa na Educación Infantil; nel fálanos dunha metodoloxía baseada na creatividade, o diálogo, a educación emocional e a motivación. Moi recomendable a súa lectura, premede na imaxe!
Esta preciosa curta dirixida por Zheng Yawen fálanos da amizade e do coidado da natureza dun xeito tan delicado que é un verdadeiro pracer perderse nas fermosas ilustracións ou na súa música. #Arte
Onte por fin veu visitarnos Magín, pasámolo xenial cantando con el pois moitas das súas cancións sabémolas enteiriñas. As nenas e nenos de 1º de primaria tamén son moi fans así que tampouco se quixeron perder o concertazo! Moitas grazas por volver polo noso cole Magín!
Comos vos comentamos na entrada anterior, hoxe viñeron ata o cole para falarnos dos seus traballos Carolina, nai de Gael (5º de EI) e Claudia (2º de EP); e Raquel, a nai de Dani (6º de EI) e Sara (1º de EP).
Carolina contounos que é enxeñeira técnica forestal polo que se encarga de coidar os nosos bosques. Falamos das moitísimas utilidades que teñen as árbores e tróuxonos unha forcípula, que aprendemos que é un instrumento que serve para medir o grosor dos troncos. Contounos que para ir ao bosque calzan unhas botas un pouco especiais, son altas ata o nocello para non torcer o pé con facilidade e para protexerse das serpes, e tamén teñen a punta de aceiro para evitar facerse dano se lle cae enriba algunha ferramenta. Amosounos un GPS que empregan para localizar os montes e facer planos, tróuxonos varios planos de ribeira coas zonas de bosques sinaladas e repartéunolos para que os puidéramos ir vendo. Tamén nos ensinou un spray de pintura de cor rosa que utilizan para marcar cun pequeno puntiño as árbores que están enfermas ou que por outros motivos hai que arrancar, para que así cando vaian os encargados de facelo poidan identificalas facilmente. Foi interesantísimo, moitas grazas Carolina!
Raquel é enfermeira de urxencias e explicounos todo o proceso que ten lugar unha vez que acudimos ao hospital por unha emerxencia. En primeiro lugar unha enfermeira ou enfermeiro tomaranos a temperatura e miraranos a tensión cun tensiómetro, trouxo un para amosárnolo e fíxonos unha demostración práctica de como se usa. Tamén nos trouxo un fonendoscopio (para escoitar a respiración e os latexos do corazón), un aparelliño que se pon no dedo e que serve para medir o osíxeno en sangue, unhas máscaras de osíxeno por se non respiramos ben, vendaxes para as feridas e amosounos como se fai unha análise. Tivo un "enfermo voluntario" para facer todas as demostracións e deixounos un montón de material sanitario para que puidéramos velo de cerca, tocalo e probalo! Pasámolo xenial, moitas grazas Raquel!
Despois do recreo e para conmemorar este día, dúas nais do centro visitarannos hoxe e falaranlle ás nenas e nenos de infantil e 1º e 2º de EP sobre os seus traballos, moitas grazas mamis!
Hoxe é unha desas datas nas que se nos lembra que debemos esforzarnos (parece mentira que haxa que esforzarse pero é así...) por vivir en respecto e igualdade; aspectos nos que debemos dar exemplo en cada momento do día, coidando moito os nosos comentarios e actitudes (entre adultos e cara as nenas e nenos) e intentado ir un pouco máis aló para conseguir ser críticos, detectar e evitar todos os estereotipos sexistas que atopemos, unha vez comecemos a fixarnos seguro que atopamos moitos máis dos que pensabamos e vemos que moitos deles son facilmente evitables.
Non hai dúbida de que os contos son un recurso extraordinario para traballar coas nenas e nenos dun xeito divertido, transmitíndolle ademais do amor pola lectura, o pracer de pasar tempo xuntos en familia; pero tamén son uns grandes transmisores de coñecementos e valores polo que non debemos descoidar a súa selección, aproveitemos todas as posibilidades que nos dan!
Pola nosa banda seguimos deixándovos ideas para traballar na
igualdade, tamén desde a casa. Fixemos fai uns meses
neste mesmo blog unha entrada relacionada co tema, que podedes lembrar
premendo AQUÍ e hoxe deixámovos un novo enlace con máis contos
coeducativos AQUÍ. Non atopamos en ningunhas destas seleccións un conto que nós descubrimos non fai moito e que tampouco vos podedes perder:
Titiritesa desmonta a idea xeral dos contos de princesas onde elas sempre son doces, educadas e pacientes, pasan días e noites agardando que chegue un príncipe que as rescate de todos os seus males mentres se poñen guapas e intentan ser queridas e admiradas polos demais. A princesa Titiritesa rompe moldes, non quere aprender boas maneiras de princesa nin casarse, así que foxe do reino de Antonte e dedícase a explorar mundo. Fará equipo con un burro ao que lle regalará un nome, negociará co monstro Paposete Dumbocado e rescatará á princesa Wendolina. Entre as dúas princesas xurdirá algo máis que unha fermosa amizade, "un airiño trangalleiro que lles fará cóxegas no pensamento...". Tanta naturalidade, tenrura e poesía namorarán a calquera lector, sexa da idade que sexa.
Xa por último e no que se refire ao tema das películas infantís recomendámosvos moitísimo que visualicedes o seguinte vídeo no que se confirma unha idea que moitas viñamos sospeitando desde fai tempo: "O Mago de Oz" e "Brave" son dúas películas marabillosas!
Que teñades todas e todos un xenial día da Muller Traballadora.