Somos os nenos e nenas de educación infantil do CEIP de Frións (Carreira-Ribeira)
e queremos compartir coas nosas familias e outros "compis" as nosas aventuras nesta primeira etapa educativa do longo camiño da maxia dos saberes.
No apartado "Para ler" da web "Alí" tedes centos de maneiras de celebrar o día de hoxe, e de agasallar con libros calquera día do ano. Premede na imaxe!
Aquí tedes tamén 40 propostas xeniais para traballar a escritura creativa e mellorar a expresión das nenas e nenos explorando distintos estilos e fomentando a súa creatividade e o aprecio pola lectura e escritura. Os máis pequenos poden empezar a practicar de xeito oral e é un exercicio marabilloso que xoguen coa imaxinación, que inventen historias e nolas expliquen, desenvolvendo así a súa linguaxe oral e preparándose para máis adiante ordenar e plasmar as súas ideas na escrita con maior facilidade. Tamén lles encantará que sexades vós os que inventedes historias para eles ou que o fagades en equipo... Elixide as que máis vos motiven e... a crear!
Onte a contacontos María da Pontragha, unha educadora moi vinculada á tradición oral tanto a través da música como da palabra, veu ao noso cole a contarnos as historias que a ela lle contou un paxariño que atopou chorando no medio dun camiño... A verdade é que estivemos atentísimos e que os contos nos encantaron! Grazas María!
Levamos unha semaniña de choivas, granizadas e tormentas varias, e parece que esta fin de semana a cousa non vai cambiar moito... É por iso que pensamos deixarvos aquí unhas ideas para divertirvos coas pequenas e pequenos na casa escoitando música clásica.
Propoñémosvos dúas obras de Vivaldi e Tchaikovsky que estivemos traballando este curso e que lles encantaron:
"A primavera" de Vivaldi: pertence ao seu libro de catro concertos "As catro estacións". A través da linguaxe musical, Vivaldi describe e evoca distintos aspectos das estacións do ano. Xa escoitamos "O outono" e "O inverno" e agora traballamos coa primavera.
Que podemos facer?Bailar ao ritmo da música expresando co noso corpo o que nos transmite a obra. Facer un debuxo mentres escoitamos a música, que cores nos apetece empregar? que nos imaxinamos que nos está contando? Podemos escoitar tamén a obra deitados boca arriba e relaxarnos; o adulto daranos ordes a seguir: pechar os ollos, estirar pernas e brazos, mover os dedos das mans, ímonos levantando e estirando igual que si fóramos unha flor medrando... Imaxinamos que estamos no campo, que vedes? que escoitades? que ulides? Podemos guialos tamén nestas cuestións: ulimos as flores, a herba, escoitamos o canto dos paxaros, abellas, o ruído dun regato, do vento, as árbores que se moven, etc.
Como estes, calquera outro xogo que se vos poida ocorrer (e o mesmo co "O outono" ou "O inverno"), seguro que o neno ou nena tamén vos dá ideas! En xeral, ao traballar con música clásica facémolo a través de actividades coas que as nenas e nenos poidan escoitar, relaxarse, imaxinar, sentir, e expresarse libremente.
Animádesvos a poñelo en práctica e mandarnos algún vídeo ou contarnos a vosa experiencia?
Triunfou moito en todas as clases "O Lago dos cisnes" de Tchaikovsky, pois ademais de que esta obra e ballet impresionan a calquera, a historia da que trata (a cal lle contamos adaptada ás súas idades) posúe toda a maxia que precisan as nenas e nenos para vivir a música, emocionarse, pasar medo, divertirse e quedar totalmente "enganchados".
Aínda que hai días que por eles mirarían o ballet enteiro, normalmente escoitamos o Acto II (a partir do minuto 27 máis ou menos) pois é nel onde aparecen por primeira vez os tres personaxes principais e é para nós o que conta cunha maior intensidadeemocional e musical.
Bailamos coa elegancia de Odette (a princesa cisne), coa pasión de Sigfrido (o príncipe) e a forza de Rothbart (o bruxo malvado con forma de moucho), imitando á vez a estética do ballet clásico, estirándonos todo o que poidamos, usando as puntas dos pés, alongando as extremidades, dando saltos e voltas... e intentando expresar coa nosa cara e corpo o que conta a historia. Aínda así, ás veces éranos difícil despegar os ollos do hipnotizante ballet e poder concentrarnos no noso propio baile, aquí vos deixamos unhas pequenas mostras do moito que nos gusta esta obra:
O 13 de abril celébrase o Día Mundial do Bico, data que xurdiu grazas ao bico máis longo da historia, que durou 46 horas, 24 minutos e 9 segundos!
Non fai falta que sexa tan longo, aínda que sexa curtiño... hai algo máis bonito que un bico?
Onte tamén se celebrou o Día Mundial da Saúde, evidentemente a saúde do medio ambiente é fundamental para coidarmos a nosa, pero... que máis podemos facer?
Onte no cole celebramos este día plantando 4 novas árbores no patio. Para a actividade contamos coa axuda de persoal do Concello. Aí van unhas fotiños da "plantación":
A relación entre educación e medio ambiente é necesaria. A transmisión de valores de respecto cara o resto de seres vivos e elementos que compoñen o contorno ten unha grande importancia. Nos primeiros anos de vida dos nenos e nenas séntanse as bases para o desenvolvemento social e persoal, non debemos desaproveitar a ocasión de acompañalos na súa formación facilitándolles tamén o coñecemento do medio natural e o desenvolvemento de sentimentos de afecto e coidado cara este.
Se vós tamén queredes participar activamente no coidado do medio ambiente, sen necesidade de movervos da casa, presentámosvos "Ecosia", un recurso a través do cal cada vez que fagamos unha busca en internet estaremos facendo a nosa aportación para axudar a salvar os bosques tropicais. Unha marabillosa iniciativa! Na parte superior dereita da páxina amosarásevos un contador co número das árbores que axudástedes a plantar. Animádesvos a salvar a selva?
Unha curta que nos trae unha fermosa mensaxe contra o bullying e as diferenzas.
Para estar xuntos non é preciso ser iguais!
Pedra, papel e tesoura! Uma linda mensagem contra o bullying e as diferenças.Para estar junto, não é preciso ser igual ;) <3
Posted by Educa2 on Xoves, 10 de Marzo de 2016
O mundo tínguese de azul! Como podedes ler se premedes na imaxe, hoxe os edificios e monumentos máis emblemáticos do mundo, entre eles a Torre de Hércules, iluminaranse de cor azul para celebrar os talentos e aptitudes da poboación diagnosticada de autismo e para darlles visibilidade.
Na canle 2 de televisión española, hoxe ás 23:30h, o programa da "noite temática" tamén tratará este tema televisando os documentais: "Universo autista" e "O cerebro de Hugo". Teñen moi boa pinta!
Deixámosvos, xa para rematar, dous vídeos de youtube moi interesantes.
O primeiro deles, dirixido a adultos, cóntanos a historia de Carly Fleischmann, unha nena da que dicían que tiña unha forte discapacidade intelectual asociada ao autismo, pero cando Carly atopou o xeito de comunicarse demostroulles a todos o enganados que estaban.
O segundo vídeo é un episodio de Caillou que poderán ver os pequenos e pequenas e así coñecer ao seu compañeiro Andy!
Hoxe é o Día mundial da concienciación sobre o autismo e para celebralo, onte no cole, fixemos algunhas actividades especiais: vimos un capítulo de Caillou no que ten un compañeiro de clase que se chama Andy e que ten intereses diferentes aos dos demais compañeiros e compañeiras; falamos sobre as características de cada un de nós e sobre as dos demais e descubrimos virtudes incribles; chegamos á conclusión de que dentro de cada un de nós hai cousas fantásticas... así que todos nos podemos considerar superheroes con superpoderes! Fixemos tamén un casco de Superheroe Azul e pintamos un corazón desta mesma cor na meixela. E por suposto escoitamos unha das nosas cancións favoritas: "Todos somos capitáns" de Magín Blanco, quen nos veu visitar ao cole uns días atrás.