Somos os nenos e nenas de educación infantil do CEIP de Frións (Carreira-Ribeira) e queremos compartir coas nosas familias e outros "compis" as nosas aventuras nesta primeira etapa educativa do longo camiño da maxia dos saberes.
29 de setembro de 2016
Programa Apego
O programa Apego explícanos neste vídeo todo o que ofrece ás familias (agasallo de benvida incluído) para axudar na socialización na nosa lingua. Esta iniciativa está dirixida especialmente a familias con cativos ou cativas de 0 a 6 anos, ou que están agardando a chegada dun novo membro (parabéns!) www.apego.gal
23 de setembro de 2016
Festival Galicreques 2016
Do 24 de setembro ao 2 de outubro celébrase en Santiago de Compostela o Festival Internacional Galicreques, cun montón de actuacións de monicreques dirixidas aos pequenos e pequenas da casa. Picando na imaxe veredes máis información sobre os espectáculos que se realizarán durante estes días, os horarios e os prezos das entradas. Animádevos que Santiago está aí ao ladiño!
9 de setembro de 2016
Benvid@s - Curso 2016-2017
Xa que o luns é festivo, o martes daremos comezo ao novo curso! o horario de clase será o normal (9:45h - 14:45h) e o mesmo para os servizos de transporte e comedor.
Temos moitas ganas de ver ás nosas pequenas e pequenos e de coñecer a aqueles que veñen ao noso cole por primeira vez! :) Son días de moitas emocións e moitos nervios para todas e todos, moitos reencontros, moitas apertas, moitas historias que contar e tamén algún choro... Non pasa nada, a todos nos custan os cambios e pouco a pouco iremos adaptándonos e colléndolle o ritmo ao cole, paciencia!
É moi recomendable á hora das despedidas (especialmente nestes primeiros días, que se nos fan máis complicados) intentar non alongalas demasiado, amosarnos tranquilas e tranquilos (aínda que non o estemos...) e empregar un "pásao moi ben!" ou calquera outra mensaxe positiva; os "pórtate ben", "non pegues", ou "que non che teña que berrar a profe" pódenlle xerar máis inseguridades e tensións ás pequenas e pequenos, e o que en realidade queremos que fagan no cole é desfrutar, unha vez conseguido isto o demais xa vén só.
Se pinchades na imaxe que acompaña o texto atoparedes algúns consellos para nais e pais que poden axudarvos a levar mellor a adaptación ao curso escolar, de calquera xeito o máis importante xa sabedes o que é... cariño, tranquilidade e mooooita paciencia!
Vémonos o martes!
Vémonos o martes!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)