O venres, 28 de outubro, celebramos no cole o Samaín!
Chegado o final de outubro, os celtas adoitaban celebrar unha gran festa
nocturna para conmemorar “o fin da colleita”. Esta festa chamábase Samhain que
significa “o final do verán”; nela daban a benvida ao Ano Novo e nesas datas os
antigos celtas almacenaban provisións para o inverno, chegaba o frío e a partir
dese momento os días ían ser máis curtos e as noites máis longas.
Nesa máxica noite de rituais parece que crían os celtas que se abría a
porta do máis alá e vivos e mortos tiñan a oportunidade de poder comunicarse. A
costume era deixar comida fóra das súas casas e acender candeas para axudar ás
almas dos mortos a atopar os seu camiño e descanso. Tamén se di que collían caveiras dos seus inimigos (ou baleiraban nabos), e no
seu interior puñan carbóns acendidos para iluminar o camiño de regreso ao mundo
dos vivos aos seus familiares e defuntos máis queridos dándolles así a benvida,
á vez que se protexían dos malos espíritos.
Para celebrarmos esta festa, este ano decidimos realizar unha xincana que dun xeito divertido lles fora achegando ás nenas e nenos diferentes aspectos relacionados con esta data.
Organizamos a actividade arredor de 8 probas que deberían superar por equipos, ao rematar cada unha delas o equipo conseguirá unha parte do pergamiño do "conxuro da chocolatada".
Queremos felicitar tamén ao alumnado de 6º de Educación Primaria que colaboraron como monitores e axudantes nas diferentes probas e fixérono super ben, uns profesionais!
Probas de
MEDO e de
LUZ NEGRA.
Os equipos tiveron que buscar as dúas mandarinas agochadas na terrorífica aula de inglés que estaba case a escuras e na que había algún que outro susto, ao rematar a Meiga-Teacher Josefa e os seus monstruosos axudantes tamén repartiron chuches! Na sala de lectura, coa axuda da profe Sara, tiveron que buscar as letras para compoñer palabras relacionadas co Samaín, neste caso alumeados só por unhas lámpadas máxicas de "luz negra", aos equipos que remataron pronto os axudantes pintáronlles na man unha espiral con pintura fluorescente, soprámoslle un pouquiño para que secase e brillábamos na escuridade!
Probas do XOGO MUSICAL e do CONTO DO SAMAÍN.
Na aula de música, o druída Martín preparoulles un xogo parecido ao escondite inglés nunha versión acompañada de música celta, o gañador ou gañadora do xogo debía atopar o anaco do conxuro axudado polas compañeiras e compañeiros que lle deron pistas empregando os instrumentos de percusión. Na biblioteca a profe Esperanza leulles e púxolles o vídeo do conto "Corre, corre, cabaciña" e cada equipo tivo que ordenar unha secuencia de imaxes sobre o mesmo.
Probas de MAQUILLAXE e da BUSCA DO TESOURO CELTA.
Era costume de moitos pobos guerreiros pintarse os rostros (e/ou o corpo) en datas importantes ou antes dunha batalla co obxectivo de diferenciar rivais de aliados e de amedrentar aos seus inimigos; así o fixemos nós tamén e axudándose dunhas imaxes que lles serviron de ideas e modelos as monitoras e monitores de 6º fixéronlles aos diferentes equipos unhas maquillaxes xeniais. Xa no patio o profe César leulles unhas adiviñas para axudalles a atopar unhas imaxes e con elas poder conseguir a pista para chegar á chave do cofre do tesouro, estaba cheíño de coroas e colares celtas cos que puideron poñerse aínda máis guapas e guapos!
Probas de XOGOS.
Aos celtas tamén lles gustaba divertirse! Así que nesta xincana non podían faltar os xogos: encesta as pelotas na boca da cabaza, tira os birlos do Samaín, segue coa canica o labirinto celta ou encesta o aro no sombreiro de meiga. Pasámolo pipa!
Ao conseguir todos os equipos todas as partes do "conxuro da chocolatada", puidemos degustala acompañada duns churros deliciosos que as nais e pais da ANPA nos axudaron a preparar. Tamén tivemos unha meiga e un druída saxofonista que realizaron o ritual dun xeito máis que profesional!!
Durante toda a semana as nenas e nenos foron decorando a entrada do cole coas súas traballadísimas cabazas, decoradas con un montón de temáticas diferentes, preciosas! O xoves, todos os nenos e nenas do cole baixaron á entrada para poder ver todas as cabazas expostas e votar a súa favorita e o venres ao rematar a festa entregamos os premios ás cabazas máis votadas.
Cabazas 4º de Educación Infantil:
Cabazas 5º de Educación Infantil:
Cabazas 6º de Educación Infantil: