Este ano dun xeito especial, xa que a temática do noso proxecto de Biblioteca é o Medio Ambiente, convidamos ao cole ao Apalpador, unha personaxe que moito antes de que a sociedade de consumo importase dos países nórdicos a Papá Noel, xa habitaba en Galicia. O Apaldador gusta de agasallar castañas asadas e xoguetes feitos á man con materiais naturais como a madeira ou o barro, cheos de cariño e respectuoso co medio ambiente; tamén anima ás familias e pequenos e pequenas a fabricar os seus propios xoguetes con materiais que teñan pola casa.
"Todas as culturas teñen un home sabio pola idade que lles axuda aos nenos e nenas a pasar o inverno. A cultura galega ten o Apalpador, que durante os anos de esquecemento sobreviviu nos montes do Courel e o Cebreiro e agora volve facernos compaña.
O Apalpador é un home de barba rubia, un vello xigante, que vive nas devesas das altas montañas collendo carbón para escorrentar o frío inverno. Na noite do 24 de decembro (aínda que esta data pode variar) baixa atas as aldeas, métese polas chemineas nas casas, achégase ás nenas e nenos que dormen ao remol das mantas e apálpalles as barrigas para ver se os cativos están ben alimentados. Dálles un bico na meixela e déixalles unha presa de castañas para que non pasen fame.
O Apalpador é moi lambeteiro e se as nenas e nenos lle deixan un calcetín ou uns zapatos con algo doce para axudarlle a andar toda a noite visitando as casas de Galicia, el entrégalles os agasallos de madeira, tea ou cartón que fixo coas suas mans no tempo de lecer do resto do ano."
Máis información na web: www.apalpador.gal
Aí van as fotiños da visita que nos fixo o Apalpador ao cole, Felices Festas familias!!!