Somos os nenos e nenas de educación infantil do CEIP de Frións (Carreira-Ribeira)
e queremos compartir coas nosas familias e outros "compis" as nosas aventuras nesta primeira etapa educativa do longo camiño da maxia dos saberes.
Este ano celebramos o Samaín e o Magosto nunha única festa: "Samagostín" 🎃 + 🌰. Por mor da chuvia non puidemos levar a cabo todos os xogos e actividades que tiñamos previstas. Con todo, comemos castañas asadas, vimos a exposición de cabazas, fixemos fantasmas de papel, lemos contos de medo... e como todo día de festa, non faltaron as risas e os bos momentos. Aquí vos deixamos unas cuantas fotos do Samagostín 👻
Para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o ano pasado traballamos nas aulas e puxemos no timbre musical o tema "Roar" de Katy Perry. Este curso, ademais de participar no vídeo de #equaliter que podedes ver ao final desta entrada, decantámonos pola canción "La puerta violeta" da cantante Rozalén.
Tamén estamos lendo, entre outros contos, "Xela volveuse vampira", de Fina Casalderrey, suuuuper recomendable para tratar este tema coas pequenas e pequenos!
No CEIP de Frións rexeitamos a violencia e loitaremos por vivir sen medo! #equaliter
Igual que no curso pasado, estes
días no timbre musical está soando o "Fogo Nicolas", un tema
musicado polo gaiteiro Xosé Manuel Budiño; esta é unha canción a medio
camiño entre a cantiga popular e o trabalinguas e que conta tamén con
explosivas onomatopeas.
"Fogo
Nicolás" forma parte do Libro-CD-DVD "Celtic Roots", no que
participaron nenos/as de Nigrán, Manchester e Bray (Irlanda), o seu
obxectivo era afondar, a través da música, nas raíces culturais comúns
dos tres países atlánticos.
Con motivo do día mundial das bibliotecas, o 24 de outubro, creamos un conto en cadea entre todo o alumnado. Empezamos a historia nas aulas de infantil e pasando dunha a outra aula a historia foi completándose encargándose do final o alumando de sexto de primaria.
A continuación podedes ler o conto íntegro. Esperamos que vos guste tanto como a nós!
Érase unha vez un dinosauro que ía comer a outros animais e atopouse con un
oso e fíxolle unha ferida, pero o oso quería comer arañas e foise para a súa
casa porque era un oso malo. Entón, un moucho, unha mofeta e un coello xogaban
cunha piña. De súpeto apareceu o dinosauro. Entón veu un lobo malo, perseguiu
ao oso e cansouse de perseguir e marchou enfadado a un bosque.
O lobo buscou á súa manda e xuntos foron facerse amigos dos osos,
convidándoos a tomar algo na tasca do bosque. Mentres estaban sentados, pola
fiestra viron ao Aquel lendo un libro. Entón ao lobo e ao oso entráronlle ganas
de ler, polo que lle enviaron ao Aquel un whatsapp para intercambiar un libro
por sopa. Ao que o Aquel respondeu: “se queredes podedes participar na biblioteca
escolar de Frións comigo. Envíovos esta carta para que vos fagades membros da
nosa biblioteca escolar. Así poderedes ler os nosos libros. De ser así, eu
espérovos e podemos ver como están clasificados os libros, ler na biblioteca e
levar algún libro para a casa. Mandádeme unha foto para o carné de socios”.
Unha vez cos seus carnés, o oso e o lobo exploraron a biblioteca en busca
dun libro divertido. Despois de buscar e buscar, atoparon un libro moi chulo
que falaba sobre o colexio de Frións. Cando o acabaron de ler, na última páxina
do libro, había un mapa que sinalaba onde se atopa un cofre dun tesouro. Foron
a buscar o tesouro ao bosque das mil árbores e non o atoparon. Logo chegaron ao
deserto frío e atoparon unha pista, unha nota debaixo dunha pedra; na nota
poñía: “se o tesouro queres encontrar, ás 21:30 ao ceo de Frións has de mirar”.
Ás 21:30 da noite o oso, o lobo e o Aquel miraron ao ceo e viron letras
escritas coas estrelas que dicían: “o verdadeiro tesouro é a vosa a amizade e
todo o que aprendedes no cole de Frións”.
Tras un comezo de curso con moita marcha soando no timbre musical o tema "What a feeling", da banda sonora do filme "Flashdance"; damos paso a un fragmento do concerto "O outono", pertencente á colección
"As 4 estacións", obra do célebre violinista e compositor veneciano
Antonio Vivaldi (primeira metade do s.XVIII).
Foi un pracer ver como moitos nenos e nenas recoñecían esta obra que escoitamos tamén o curso pasado!
Con motivo da conmemoración do día Mundial do Medio Ambiente estes días comezamos a escoitar no timbre musical a canción: "Pequeño Planeta". Esta era a canción que soaba ao final dos capítulos da serie de debuxos animados "La llamada de los gnomos".
As semanas anteriores o tema que estaba soando era "Terra", da banda galega Dakidarría.
Xa rematamos a flor dorneira que acompañará unha exposición itinerante por distintos edificios de Ribeira. A primeira parada da exposición será o hospital do Barbanza para finalmente acabar decorando as rúas da vila durante a festa da Dorna!
O alumnado de 6º de Educación Infantil (5 anos) non é preciso que traia a cantidade de 2€ xa que como é o último curso da etapa e aínda teñen bastante remanente, collerase esa cantidade do fondo da aula.
Hoxe veu visitarnos ao cole Celtia Figueiras, unha das compoñentes da compañía de monicreques "A Xanela do Maxín", co seu espectáculo "Os libros da titiriteira".
Non se tratou dun espectáculo común nin dun contacontos corrente, senón que se mesturaron ambos conceptos: grandes libros que conteñen non seu interior pequenas historias nas que todo é posible.
Infórmannos desde a Asociación TDAH Salnés de que:
"O día 23 de Marzo, ás 20h., na Casa da Cultura de Boiro, terá lugar unha Charla-Conferencia (gratuíta) sobre o Trastorno do Déficit de Atención e Hiperactividade e outros trastornos que corren paralelos.
Estas charlas, dirixidas a familiares, educadores e docentes organízanse co fin de dar maior visibilidade a este trastorno e poder dar apoio a todas aquelas persoas que de maneira directa ou indirecta teñen relación do TDA-H ou poidan ter sospeitas do mesmo."
O día 24 de febreiro é o aniversario de Rosalía de Castro. A modo de celebración durante esta semana estivemos aprendendo e decorando as fiestras con diferentes poemas desta gran poetisa galega. Hoxe tamén realizamos unha pequena festa na súa honra, con tirada de globos incluída.
Non podían faltar as felicitacións no timbre musical, no que estes días está soando o poema "Adiós, ríos; adiós, fontes" a ritmo do grupo Astarot.
Deixámosvos aquí un vídeo resumo de todo o que fixemos
Este sábado, 24 de febreiro, ás 12.00 h haberá un
contacontos para bebés (0 a 3 anos) e as súas familias na Biblioteca
Municipal; os irmanciños máis maiores dos bebés tamén
poden asistir.
Xa que estamos nunha nova estación estes días no timbre musical estamos
escoitando un fragmento do concerto "O inverno", pertencente á colección
"As 4 estacións", obra do célebre violinista e compositor veneciano
Antonio Vivaldi (primeira metade do s.XVIII).
No mes de decembro, aproveitamos a visita do Apalpador para participar nun concurso de cartas e entregarllas a el directamente. Cal foi a nosa sorpresa esta semana ao ver que ademais de pasalo xenial coa súa visita tamén foron premiadas as nosas cartas!! Que ilusión tan grande! Aquí o tedes:
"Comezando polas dos máis pequerrechos, escollemos a colectiva da aula de 3 anos do CEIP de Frións
en Ribeira na que un atento profesorado foi quen de expresar
sintéticamente os desexos das oito nenas e sete nenos da aula. Desexos
sinxelos e fermosos de criaturas de 3 anos, sen máis voltas que o seren
os propios desa idade: Que as flores medren. Que as nenas e nenos sexan
todos amigos. Un hermanito de verdad. Que haxa moita herba para os
cabalos. Quero ver ao meu papá que está lonxe. Que se apaguen todos os
incendios. Que os coellos non teñan frío. Ver un koala. Non ter que
madrugar tanto.
A seguir, continuamos no mesmo CEIP de Frións no que decidimos facer
unha das excepcións que adoitamos facer logo de interpretar o material
que nos chega. Dazanove cartas de nenas e nenos de 5 anos
tiñan moito máis mérito en conxunto que a xeito individual. Todas
facían as súas peticións con debuxos absolutamente claros e algunha
tíñaas escritas. As outras estaban «traducidas» polo profesorado pero
claramente con palabras dos pequenos. Que che escriban «Ke todos no se
pelear» ou «CE (que) To(dos) teñan casas» «Ver un lobo» E así as
dazanove… é imposíbel non premialas. O recoñecemento, e os agasallos por
tanto, irán para a aula e/ou biblioteca do centro, a decidir polos
pequenos."