19 de decembro de 2019

🔭 ENTREVISTA TELEVISIVA 🔭

Despois de falar con Papá Noel por videoconferencia, algúns nenos e nenas foron entrevistados por periodistas do Canal 7 Rías Baixas e fixérono xenial! 😎 

Debaixo do vídeo tedes o enlace á noticia orixinal do canal. 





16 de decembro de 2019

Videoconferencia con Papá Noel

Hoxe visitamos a aula CEMIT do Concello para falar por videoconferencia con Papá Noel que nos chamou directamente desde Laponia!


Visita do Pegasus

O mércores 11 visitounos o Rubén Lijó Santos co seu camión Pegasus One a contarnos as súas experiencias como voluntario en iniciativas de axuda humanitaria. Rubén realiza recollidas solidarias de produtos básicos (roupa, material escolar, mantas, comida,...) para repartir tanto nos campos de refuxiados do Sahara como nos campamentos de refuxiados en Calais (Francia). 





Visita do Apalpador!

O martes (10 de decembro) veu ao cole desde as terras do Courel o Apalpador, visitou todas as aulas e, como cada ano, gozamos moitísimo das súas historias sobre Galicia e o coidado da natureza. Agasallounos o son das árbores, que gardamos nos nosos corazonciños até o curso que vén.
Xa nos tarda volver a velo!

 





2 de decembro de 2019

DUENDE DO OUTONO



TAN TAN
- Quen é?
- O Outono outra vez.

Coa chegada do Outono énchense os nosos corredores de follas, e as clases de olores e sabores mesturados coa maxia de quen nos sorprende con cestas cheas de froitos da época:
"O Duende do Outono".

A primeira visita do ano sempre é un acontecemento. Os nenos/as de 4 anos, 5 anos, e  moitos de primaria, xa o coñecen de cursos anteriores  e a súa emoción desbórdase o primeiro día que o Duende saca tempo e forzas para saír do bosque e vir ao noso cole. No caso dos nenos/as de 3 anos foi unha experiencia nova e a pesar de que a profe xa nos falara de que ao mellor nestes días recibíamos a súa visita e de que non tíñamos que ter medo ningún, impresionarnos un pouco ao atoparnos con algo tan diferente foi inevitable. A chegada do Duende foi recibida (como pasa cada curso) de xeitos moi diversos: a cautela, os nervios, a ilusión e sobre todo a imaxinación desatada e a curiosidade invadían o ambiente. 
 
Esta experiencia é, cada vez que a realizamos, un agasallo para a nosa creatividade e para os nosos sentidos:
Despois da primeira visita calquera ruído nos pon en garda e corremos cara a porta a ver se o noso amigo anda preto... Escoitamos con antención para ver se percibimos o son da súa característica campá, os seus apresurados pasos polos pasillos ou os seus fortes golpes nas portas. Unha vez asomamos ao corredor miramos a un lado e a outro e analizamos o cambio que alí se producíu: follas secas seguindo o camiño que percorreu o Duende, cestas con froitos, nenos e nenas invadindo os pasillos berrando e sorrindo coas cabeciñas funcionando a mil por hora! Malia que o noso amigo é moi tímido e escapa sempre veloz coma o vento antes de que abramos a porta, sempre hai alguén que afirma que o viu e nos explica con todo detalle como era e por onde marchou!
Se xa isto é enriquecedor non falamos da festa de cores, arrecendos, texturas e sabores que se produce na aulas cando comezamos a experimentar cos froitos.

Este curso non foi diferente aos anteriores e a semana do 21 de novembro tivemos a sorte de recibir (dous días!) a visita do Duende do Outono. Aí van as probas de que lle encanta pasar polo cole de Frións e deixarnos uns fermosos e deliciosos froitos...










25 de novembro de 2019

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Hoxe é o día contra a violencia de xénero, e por iso, os nenos e nenas de tres anos queremos compartir con todas e todos vós unha importante mensaxe...







9 de novembro de 2019

🎃 SAMAGOSTÍN 🌰


Como xa é costume por estas datas celebramos a festa do Samagostín. Como o ano pasado tivéramos que cancelar os xogos e as actividades previstas por mor da chuvia, esta vez decidimos facelos dentro do colexio. No vídeo que tedes a continuación poderedes ver unha pequena mostra das distintas actividades que levamos a cabo ao longo da semana. 

Grazas as todas as familias por colaborar coa elaboración das cabazas! Como sempre moi orixinais e terroríficas!! 👻



4 de novembro de 2019

SAMAGOSTÍN 2019










OS NENOS E NENAS DE TRES ANOS CELEBRAMOS POR PRIMEIRA VEZ O SAMAGOSTÍN! 🌰🎃
EXPUXEMOS AS NOSAS CABAZAS, FIXEMOS UN PERCORRIDO POR DISTINTOS XOGOS, COMEMOS RICAS CASTAÑAS...PERO SOBRE TODO, PASÁMOLO XENIAL 😀

18 de outubro de 2019

PROXECTO O CORPO




Queridas familias,
Como sabedes, na aula de tres anos comezamos a traballar o proxecto do corpo.
Investigamos sobre o noso crecemento e medímonos, construímos un puzzle no que identificamos as partes da nosa cara,  xa sabemos que a nosa boca ten 20 dentes e que na lingua están as papilas gustativas e empezamos a traballar o sentido do tacto con diferentes materiais.
Aproveitamos para agradecervos a vosa colaboración aportando cousiñas para o proxecto.

Aquí nos podedes ver realizando algunas actividades! 😀

Para ver todas as imaxes, premer na seguinte Ligazón
















































22 de setembro de 2019

BENVIDOS E BENVIDAS AO COLE DE FRIÓNS!



Os nenos e nenas de tres anos comezamos unha nova etapa no cole!
Durante os primeiros días fómonos coñecendo, descubrimos o novo colexio, xogamos e convertémonos nuns auténticos artistas facendo un mural e decorando a porta da nosa clase.
Aquí nos podedes ver disfrutando destas actividades. Esperamos que vos guste o resultado!