19 de decembro de 2019

🔭 ENTREVISTA TELEVISIVA 🔭

Despois de falar con Papá Noel por videoconferencia, algúns nenos e nenas foron entrevistados por periodistas do Canal 7 Rías Baixas e fixérono xenial! 😎 

Debaixo do vídeo tedes o enlace á noticia orixinal do canal. 





16 de decembro de 2019

Videoconferencia con Papá Noel

Hoxe visitamos a aula CEMIT do Concello para falar por videoconferencia con Papá Noel que nos chamou directamente desde Laponia!


Visita do Pegasus

O mércores 11 visitounos o Rubén Lijó Santos co seu camión Pegasus One a contarnos as súas experiencias como voluntario en iniciativas de axuda humanitaria. Rubén realiza recollidas solidarias de produtos básicos (roupa, material escolar, mantas, comida,...) para repartir tanto nos campos de refuxiados do Sahara como nos campamentos de refuxiados en Calais (Francia). 





Visita do Apalpador!

O martes (10 de decembro) veu ao cole desde as terras do Courel o Apalpador, visitou todas as aulas e, como cada ano, gozamos moitísimo das súas historias sobre Galicia e o coidado da natureza. Agasallounos o son das árbores, que gardamos nos nosos corazonciños até o curso que vén.
Xa nos tarda volver a velo!

 





2 de decembro de 2019

DUENDE DO OUTONO



TAN TAN
- Quen é?
- O Outono outra vez.

Coa chegada do Outono énchense os nosos corredores de follas, e as clases de olores e sabores mesturados coa maxia de quen nos sorprende con cestas cheas de froitos da época:
"O Duende do Outono".

A primeira visita do ano sempre é un acontecemento. Os nenos/as de 4 anos, 5 anos, e  moitos de primaria, xa o coñecen de cursos anteriores  e a súa emoción desbórdase o primeiro día que o Duende saca tempo e forzas para saír do bosque e vir ao noso cole. No caso dos nenos/as de 3 anos foi unha experiencia nova e a pesar de que a profe xa nos falara de que ao mellor nestes días recibíamos a súa visita e de que non tíñamos que ter medo ningún, impresionarnos un pouco ao atoparnos con algo tan diferente foi inevitable. A chegada do Duende foi recibida (como pasa cada curso) de xeitos moi diversos: a cautela, os nervios, a ilusión e sobre todo a imaxinación desatada e a curiosidade invadían o ambiente. 
 
Esta experiencia é, cada vez que a realizamos, un agasallo para a nosa creatividade e para os nosos sentidos:
Despois da primeira visita calquera ruído nos pon en garda e corremos cara a porta a ver se o noso amigo anda preto... Escoitamos con antención para ver se percibimos o son da súa característica campá, os seus apresurados pasos polos pasillos ou os seus fortes golpes nas portas. Unha vez asomamos ao corredor miramos a un lado e a outro e analizamos o cambio que alí se producíu: follas secas seguindo o camiño que percorreu o Duende, cestas con froitos, nenos e nenas invadindo os pasillos berrando e sorrindo coas cabeciñas funcionando a mil por hora! Malia que o noso amigo é moi tímido e escapa sempre veloz coma o vento antes de que abramos a porta, sempre hai alguén que afirma que o viu e nos explica con todo detalle como era e por onde marchou!
Se xa isto é enriquecedor non falamos da festa de cores, arrecendos, texturas e sabores que se produce na aulas cando comezamos a experimentar cos froitos.

Este curso non foi diferente aos anteriores e a semana do 21 de novembro tivemos a sorte de recibir (dous días!) a visita do Duende do Outono. Aí van as probas de que lle encanta pasar polo cole de Frións e deixarnos uns fermosos e deliciosos froitos...